Galego

Foros - EuroMarchas2015logo Solfónica

CHAMAMENTO DE SOLFÓNICA

MANIFESTACIÓN DAS EUROMARCHAS

BRUXELAS 17 DE OUTUBRO DE 2015

A linguaxe da música é poderosa e universal, transmite mensaxes, reforza e modifica actitudes. A música é o idioma que entende todo o mundo. Esa é a nosa experiencia como Solfónica, un coro-orquestra do 15-M que naceu durante as concentracións da Porta do Sol de Madrid, en maio de 2011. Nestes catro anos e medio, organizámonos dun modo horizontal, transmitindo alegría, reivindicación e conciencia crítica, e apoiando numerosas causas cidadás. Estas son algunhas das razóns que nos moven a crer que a música pode achegar un maior impacto de comunicación no acto final das EuroMarchas2015.

Desde Solfónica, invitamos a instrumentistas e voces de toda Europa a que acudan a Bruxelas para constituír un gran coro-orquestra europeo que interprete tres pezas durante a manifestación do 17 de outubro de 2015:

Grândola, Vila Morena, canción de José Afonso que marcou o comezo da Revolución dos Caraveis en Portugal, na madrugada do 25 de abril de 1974. É hoxe un símbolo universal de fraternidade e de rexeitamento da ditadura.

Tis dikeosinis ilie noite (Της δικαιοσύνης ήλιε νοητέ), canción composta por Mikis Theodorakis sobre un poema do novelista Odysseas Elytis. Converteuse no himno da loita contra a ditadura da Xunta dos Coroneis en Grecia (1967-1974) e interpretarémola en solidariedade co pobo grego e polo dereito de todos os pobos a decidir democraticamente.

Himno á Alegría (An die Freude), de Ludwig van Beethoven (extracto). Desde 1972 é o himno oficial da Unión Europea e queremos poñelo a pé de rúa e reivindicar con el que a solidariedade dos pobos europeos é o único camiño.

Esta proposta foi debatida e aprobada na coordinadora española das EuroMarchas, que se celebrou a primeiros de agosto, e na coordinadora europea celebrada o 21 de agosto de 2015.

Interviremos durante a manifestación e comunicarémosvos o lugar e a hora en canto sexan definitivos. A organización valora esta intervención musical como algo moi importante no desenvolvemento da xornada.

Teremos un primeiro ensaio o venres pola tarde. Estamos tramitando coa organización de Bruxelas hora e lugar. Celebraremos un segundo ensaio o sábado dúas horas antes da manifestación, no mesmo lugar onde actuaremos.

Ven, vide o venres, día 16, se podedes. Non dubidedes en acudir o sábado, día 17, se non podedes chegar o día anterior. A organización das EuroMarchas2015 garántenos aloxamento. Irémosvos informando puntualmente de todas as novidades. Os compoñentes de Solfónica xa tramitamos as nosas viaxes. Cada intérprete ou cada grupo asume os custos do desprazamento.

Digamos oxi, abonda, enough! coas nosas voces e instrumentos, coa nosa música:

ás políticas de austeridade, pobreza e privatización dos servizos públicos;

aos paraísos fiscais;

ao TTIP.

Expresemos a nosa solidariedade:

co pobo grego;

coas persoas que acoden a Europa fuxindo das guerras e da pobreza, e que morren por miles no cemiterio do Mediterráneo.

Defendamos o dereito dos pobos para decidir democraticamente.

Esperámoste!

Acude individualmente co teu instrumento ou só coa túa voz.

Esperámosvos!

Acudide, coros de voces, grupos instrumentais, coros-orquestra.

Axudádenos!

Difundide este chamamento enviándoo a máis instrumentistas e voces.

Para máis información sobre as EuroMarchas2015, podedes consultar este blog:

euromarchas2015.net

Na nosa páxina web atoparedes as partituras, as letras, os midis ou gravacións orientativas e toda a información relacionada con este evento musical. Cada peza interpretarémola no seu idioma orixinal:

https://solfonica.wordpress.com/euromarchas/galego/

Poñédevos en contacto con Solfónica a través do noso correo para aclarar calquera dúbida e confirmar a vosa participación. Se vides individualmente, indicádenos que instrumento ou voz interpretades; se sodes unha agrupación, as características básicas e o número de compoñentes. Este é o noso correo para este evento:

euromarchas2015solfonica@gmail.com

Un abrazo fraterno,

Solfónica 15-M de Madrid

«En Solfónica, facemos as maletas»

EuroMarchas2015, 17 de outubro, Bruxelas

icono pdfDownload chamamento

logo_partitura    partituras/letras/midis

logo_ensayos    REHEARSALS AND PERFORMANCES PROGRAM EUROMARCHAS 2015 – COMPLETE PROGRAM

logo_alojamiento    Viaxe/Aloxamento

A organización das EuroMarchas2015 garántenos aloxamento. Irémosvos informando puntualmente de todas as novidades. Os compoñentes de Solfónica xa tramitamos as nosas viaxes. Cada intérprete ou cada grupo asume os custos do desprazamento.